sábado, 1 de março de 2014

Educación disruptiva xa?

Competencia dixital, innovación disruptiva, plataforma tecnolóxica, alfabetización múltiple….. moitos son os atributos que se van sementando a respecto do noso futuro sistema educativo.

Estamos de acordo con Jordi Adell en que o ensino obrigatorio ten a responsabilidade de formar ao alumno para toda a vida, para que sexa quen de se desenvolver de forma autonónoma na sociedade on line do século XXI. Mesmo é unha obviedade recoñecer que o modelo educativo actual está obsoleto e resulta ineficaz, porque -como ten afirmado o pedagogo Ken Robinson- "foi creado por e para a revolución industrial".


Ten razón tamén o consultor educativo Curtis Johnson cando asegura que "non podemos superar a crise educativa co modelo tradicional nas aulas". Con certeza, a educación é unha industria en proceso de reconversión e é doado intuír que as plataformas dixitais renovarán a forma de aprender polas múltiples posibilidades que ofrecen -aínda que non as únicas- neste inminente "traspaso de poderes", que se resume en "aprender facendo" (learn by doing) e en "aprender xogando". Lembrando a Adell "os cacharros apréndense usándoos", xa que logo, as novas tecnoloxías han de se empregar como medio de motivación para conseguir que o alumnado aprenda a construír un coñecemento de seu e para desenvolver outras moitas competencias como a autonomía, a iniciativa, a responsabilidade, a creatividade, a aprendizaxe cooperativa, a autoestima, a seguridade personal e, como non, o interese pola investigación.


Sen dúbida, a disrupción na educación é actractiva, e mesmo necesaria, porén tamén difícil de callar no nos nosos centros -polo menos a curto prazo- por mor da falta de medios técnicos e mesmo humanos ben formados. Adell dicíanos no vídeo que a competencia dixital do profesor ha de ir parella ao do seu alumnado, pero a realidade éche ben distinta, e ademais tampouco podemos esquecernos dos paradigmas emocionais que interactúan no proceso de ensino-aprendizaxe.



En resumo, cómpre "reinventar(mos)" o modelo educativo innovando e empregando adoito as plataformas dixitais co fin de reducir o fracaso escolar e fomentar, asemade, a intelixencia emocional e o pensamento libre, a capacidade de reflexionar e discriminar a información virtual cunha metodoloxía didáctica eficaz. Ou, en palabras de Adell, "desenvolver o bo xuízo" no noso alumnado, se non queremos seguir a ser "outro ladrillo na parede" (Pink Floyd)

Sem comentários: