quinta-feira, 20 de outubro de 2011

Expresión plástica e novas tecnoloxías

Curso "Desenvolvemento da expresión plástica a través das TIC"

Moito ten chovido dende que, aló polos anos oitenta, o grupo británico Pink Floyd espallase por todos os recunchos do mundo os berros dunha manchea de rapaces con caretas “We don't need no education, We don't need no thought control”, de camiño a unha trituradora infantil. O tema "Another brick in the wall" convertíase, daquela, en símbolo de loita contra aquela vella escola máis interesada en manter a disciplina e a alienación do alumnado ca en fomentar os coñecementos e espírito crítico; en resumo, en denuncia dun sistema educativo pensado para a Revolución Industrial e a produtividade, non para a creatividade.

  "Another brick in the wall" de Pink Floyd

Lonxe fica na nosa lembranza a imaxe do mestre co vimbio na man, con todo son moitos os que seguen a criticar as eivas do actual proceso de ensinanza-aprendizaxe ao non ser quen de satisfacer as necesidades dos nativos dixitais que enchen as nosas aulas. Tal é a idea que defende o educador inglés Ken Robinson cando fala de “revolucionar” o sistema educativo e mudar os obsoletos paradigmas imperantes na educación actual por seren anacrónicos, alienantes e inimigos da creatividade.

   "Changing Paradigms" de Ken Robinson

De falarmos de “creatividade”, sen dúbida a educación plástica xoga un papel esencial na formación dos rapaces, malia ficar adoito inxustamente denostada no currículo oficial fronte a outras materias “canónicas”. Xa que logo, as ensinanzas plásticas seguen a ser determinantes no desenvolvemento da expresión e da comunicación, favorecendo asemade a creatividade e a capacidade de observación e análise.

Con certeza, nos últimos anos o mundo ten dado moitas voltas; pero cómpre achanzarmos a fenda que separa a educación, entendida ao xeito tradicional, e o mundo dixital no que os nosos alumnos están inmersos. As novas tecnoloxías dixitais ofrecen múltiples posibilidades didácticas -non só para as ensinanzas plásticas e visuais- que permiten axilizar e enriquecer os contidos curriculares (con aplicacións web, recursos multimedia, programas de software libre…), servindo de complemento ideal ás ferramentas tradicionais de creación artística. 

As ferramentas TICs supoñen un desafio cultural no que todos estamos implicados, así que nós, como docentes, debemos prepararnos para tirarlles o máximo proveito co fin de desenvolver a capacidade expresiva e creativa do noso alumnado -mediante debuxos, liñas ou grafías, en soporte de papel ou dixital-, porque como afirma Robinson “a creatividade tamén se aprende” e ha de ocupar un espazo privilixiado no seu crecemento persoal. 


1 comentário:

Mariaje disse...

EStou encantadísima de ver este blog tan completo. UNha sana envexa pola miña parte.